Análise da eurozona en Vigo

Presentación ante os medios do estudio de Costas e Arias

Presentación ante os medios do estudio de Costas e Arias

23/07/2015
O Foro Económico de Galicia (FEG) presentou no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, un traballo asinado polos economistas Antón Costas e Xosé Carlos Arias sobre os problemas que trae o exceso de endebedamento. A actividade consistiu nun almorzo con xornalistas económicos galegos, investigadores e empresarios do Foro Económico de Galicia.
Costas e Arias explicaron como durante a crise a débeda no mundo, en Europa, en España e en Galicia aínda medrou máis que antes da recesión económica.
Os datos do Foro Económico de Galicia revelan que, durante o período de crise (2007-2014) o endebedamento público galego triplicouse pasando do 6,6% ao 18,2% do PIB, no maior crecemento que se produciu nunca.
O estudio sobre o risco de estancamento da economía europea indica que o incremento de débeda é global: a débeda mundial aumentou nun 40% no período 2007-14; na eurozona, a débeda total medrou nun 25%; nas  autonomías españolas a débeda pública creceu nun 287%; e a de Galicia nun 168%, dende os 3.712 millóns de 2007 ata os 9.961 millóns de euros do 2014.
O análise da realidade galega amosa outras peculiaridades que non axudan a crecer. Os economistas galegos resaltan que mentres o aforro galego está a acadar máximos históricos (con 56.754 millóns de euros en depósitos no primeiro trimestre de 2015) e xa representan o 4,65% de todo o aforro español, o crédito bancario se sitúa este ano no seu mínimo histórico, logo de reducirse un terzo dende o inicio da crise.
Á tradicionalmente baixa taxa de crédito en Galicia, sitúase en 2015 en negativo con -125 euros por cada 100 habitantes.  Os datos indican que durante a crise está aumentando a transferencia de aforro galego cara a proxectos crediticios noutras zonas de España, que acada unha taxa de crédito do 1.929 euros por cada 100 habitantes.Antón Costas e Xosé Carlos Arias consideran que Europa debe artellar outro modelo de desapalancamento para saír da crise, que teña en conta as diferencias existentes entre os países membros da eurozona e que combine a redución da débeda co investimento público que reanime a demanda.

Risco de estancamento en Europa

Os economistas galegos subliñan que “a Eurozona é a rexión do mundo máis sinalada como candidata a sufrir unha secular stagnation durante a próxima década”. Durante a crise, os países do euro aumentaron o seu endebedamento público e privado nun 25%, acadando o 385% do PIB: 164% de débeda privada non financeira; 128% en débeda financeira; e 93% en débeda pública.
“No caso de España reúnense tres factores críticos: a persistencia dun dos maiores niveis de débeda total no continente; a forte contracción salarial, unha das máis intensas de Europa; e os efectos dunha política fiscal 2010-14 fortemente contractiva”, sinala o estudio de Costas e Arias.Para os autores, Galicia está entre os territorios nos que as rémoras do crecemento son significativas. “O problema demográfico moi grave, o proceso pendente de desendebedamento dos axentes económicos e a necesidade de mellora dos indicadores de competitividade rexional”, resalta o documento.
O documento Sobre o risco de estancamento na economía europea, así como o resto dos traballos sobre a economía galega, son de acceso público na sección Documentos desta web.
O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. O obxectivo do FEG é aportar análises e propostas para o desenvolvemento da economía e a sociedade galega. Máis de 30 profesores e investigadores das tres universidades galegas, empresarios e directivos das principais empresas e xornalistas especializados en divulgación económica forman parte do Foro.
Ver documento

Log in with your credentials

Forgot your details?