Leve desaceleración no crecemento da economía galega

conxuntura-4-18

A economía galega experimentou no terceiro trimestre do ano un crecemento do 2,6% que supón a taxa máis baixa dende comezos do ano 2015. Aínda así, consolida unha situación de converxencia co conxunto do Estado e da Unión Europea ao situarse por riba do seu crecemento por décimo trimestre consecutivo (2,5% en España e 1,9% na UE).
Este incremento do PIB galego ven explicado pola achega da demanda interna. Pola contra, a demanda externa detrae décimas ao devandito crecemento, feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2007. Asemade, o cadro macroeconómico reflicte que os agregados da demanda interna e externa amosan un ritmo de crecemento inter-anual máis feble que no trimestre anterior. Non obstante, cómpre resaltar o forte impulso do investimento (+6,9% respecto ao ano anterior e +0,3% que no conxunto da economía española).
Dende o punto de vista da oferta o aspecto máis destacado é que, por terceiro trimestre consecutivo, todas as ramas de actividade contribúen de xeito positivo. Novamente, como acontecera no segundo trimestre, sobresae o forte impulso do sector da construción, cunha medra do 6,9%.
No que atinxe ao mercado de traballo, mantense unha tendencia razoablemente positiva en termos de incremento da ocupación e caída do desemprego. Na creación de emprego salienta o incremento do número de asalariados con contrato indefinido e o descenso, por primeira vez nun terceiro trimestre dende o ano 2013, daqueles que asinan un contrato temporal.

Log in with your credentials

Forgot your details?