VII Reunión Anual de A Toxa do Foro Económico de Galicia

posando-Cumio2016
Economistas, empresarios e xornalistas económicos do Foro Económico de Galicia, reunidos o 5 e 6 de maio 2016 na illa de A Toxa.

09.05.2016

O Foro Económico de Galicia celebrou os días 5 e 6 de maio o seu gran debate anual, no que participaron todos os membros da organización así como empresarios e expertos invitados para cada asunto. A organización realizou un catálogo de recomendacións para a prevista negociación do novo modelo de financiamento autonómico, aprobou tres documentos para mellorar a implantación da innovación nas empresas galegas e tamén analizou a fondo as posibilidades para captar investimento estranxeiro e xenerar emprego en Galicia a partir da internacionalización das empresas galegas.

  • Innovación: os profesores Xosé H. Vázquez e Jorge González Gurriarán presentaron dous traballos sobre a innovación en Galicia. Manuel Fernández Pellicer (Gas Natural Fenosa Galicia) exerceu o seu papel de comentarista do debate e pediu planes axeitados ao xeralmente pequeno tamaño das empresas galegas. Fernando González Laxe moderou o debate e presentou unha análise de fondo para converter a Galicia nun territorio creativo, apostando polas súas fortalezas locais.
  • Financiamento autonómico: Santiago Lago e Xoaquín Fernández Leiceaga analizaron o funcionamento e a achega a Galicia do actual modelo de financiamento autonómico (2009-16) e propuxeron un panel de actuacións e apoio noutras autonomías para encarar o próximo modelo. A ex conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, Elena Muñoz, fixo o papel de comentarista no debate recordando que o actual modelo fixo perder a Galicia 1.400 millóns de euros en financiamento procedente do Estado (de 7.400M€ en 2009 a 6.000M€ en 2014). O xornalista económico José Luis Gómez, moderou o debate.
  • Galicia, perspectiva internacional: os especialistas de Ernst&Young, Maite Ballester e Rafael Roldán, presentaron un traballo sobre como potenciar o investimento privado en Galicia. O catedrático Xan López Facal presentou un traballo no que recomenda volver a intensificar a relación con Portugal, para promover un desenvolvemento eurorrexional conxunto entre Galicia e o norte luso. Nos últimos doce anos o investimento das empresas galegas no estranxeiro quintuplica ao investimento estranxeiro desembolsado en Galicia. O empresario Víctor Nogueira (Nogar) reclamou investimento estranxeiro para crear novas empresas e proxectos e non tanto para adquirir negocios xa existentes.
  • A importancia do crédito e a banca propia: o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, explicou a importancia de que Galicia dispoña dunha entidade financeira con sede, servizos centrais e centro de decisión en Galicia. O poñente invitado foi presentado polo empresario Emilio Pérez Nieto (Pérez Rumbao).

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento en materia económica dende as empresas e universidades galegas á sociedade e aos espazos de decisión pública. Nos sete anos de existencia leva elaborados e publicados 53 documentos de análise sobre os principais desafíos da economía e a sociedade galega (demografía, economía, sectores), de máxima actualidade. A principal característica do Foro Económico de Galicia e que cada traballo inclúe una serie de propostas concretas con solucións para abordar cada problema.

A asociación reúne a máis de 60 profesores de universidades de Galicia, España e outros países, empresarios galegos e xornalistas. É unha ferramenta da sociedade civil que pretende contribuír a coñecer mellor os retos, desafíos, oportunidades e ameazas sobre a estrutura produtiva galega, as súas empresas, e o seu sector público.

Ver Programa

Log in with your credentials

Forgot your details?