O Foro Económico de Galicia plantexa mudar o modelo económico da Galicia rural

Reunion-Casal de Arman
Economistas e empresarios do Foro participan nunha das sesións celebradas no complexo enolóxico de Casal de Armán (Ribadavia).

30.06.2016

O Foro Económico de Galicia debate hoxe no complexo de enoturismo Casal de Armán (San Andrés, Ribadavia) nove traballos con propostas para potenciar a base económica e mellorar a calidade de vida da poboación rural galega. Entre as propostas inclúense a potenciación das cabeceiras de comarca (para concentrar servizos básicos), a fusión de concellos, e revolucionar cun novo modelo o aproveitamento das terras improdutivas (para usos agrogandeiros, forestais e outras actividades).

Os traballos dos economistas e empresarios propoñen solucións para o rural galego, que representa o 75% do territorio pero só conta co 25% da poboación e menos do 20% do PIB. “O rural xa non é principalmente agrario, mais aínda non é outra cousa” resume Edelmiro López Iglesias, economista do Foro Económico de Galicia, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e un dos coordinadores da xornada. Segundo os seus datos, só a cuarta parte dos habitantes do rural galego teñen a agricultura como actividade principal.

José González Vázquez, propietario das bodegas Casal de Armán, puxo o exemplo do seu proxecto empresarial. “Para mercar só 9 hectáreas abandonadas para plantar viñedos descubrimos que eran 101 parcelas, que ningunha estaba inscrita e que so 17 estaban no catastro co nome do propietario”. Casal de Armán é hoxe un modelo de posta en valor da denominación de orixe do Ribeiro, do enoturismo e da atracción de turismo internacional de calidade ao interior galego.

Propostas para a Galicia rural do século XXI inclúe traballos de José González Vázquez (Casal de Armán), David Peón (Universidade da Coruña), Melchor Fernández (Universidade de Santiago), Juan Picos (Universidade de Vigo), José Manuel Andrade (Fundación Juana de Vega), María Xosé Vázquez (Universidade de Vigo), María do Mar Pérez Fra (Universidade de Santiago); e os coordinadores da xornada, Albino Prada (Grupo de Investigación GEN) e Edelmiro López Iglesias, experto en economía rural e profesor da Universidade de Santiago.

Propostas de valor

As propostas do Foro Económico de Galicia para evitar o declive do rural galego baséanse en tres enfoques: os habitantes, as terras e as demandas actuais da sociedade. Para os habitantes rurais propóñense medidas que xeren novas oportunidades económicas e de emprego, e solucións para a dotación de servizos públicos e privados, a través da súa concentración nas cabeceiras de comarca e da mellora do transporte e o acceso a internet. Tamén se propón a reorganización administrativa (vía comarcalización ou fusión de concellos). Para as terras propóñense medidas dirixidas a que as terras abandonadas produzan, partindo dunha ordenación dos usos (agrogandeiros, forestais, industriais, turísticos). Todas esas medidas deben ter como base as demandas que o conxunto da sociedade fai actualmente ás áreas rurais.

  • Medida lexislativa que permita resolver o uso das terras entre propietarios de terras, residentes no rural e non residentes (empresas). Só o 22% das terras está actualmente adicada a cultivos e pastos. Aproveitamento agrario e forestal por parte de non residentes do territorio abandonado e improdutivo. Aproveitamento dos recursos ligado ao turismo.
  • Reorientación do modelo produtivo das explotacións agrarias. Utilización das axudas aos investimentos das explotacións, os pagos agroambientais e outras medidas para fomentar sistemas máis ligados á terra. Aposta pola diferenciación dos produtos agrarios e as marcas de calidade.
  • Desenvolvemento das industrias agroalimentarias, a través de políticas públicas máis selectivas.
  • Introducir apoio económico á explotación forestal. A Xunta xestiona o 40% dos montes e converteuse no maior vendedor de madeira de piñeiro. Incentivos fiscais ao investidor forestal, Fondo de Investimento Forestal, Seguro Forestal e servizos de apoio ao produtor.
  • Diversificación produtiva e apoio aos novos emprendementos no medio rural.
  • Creación dunha rede de infraestruturas de usos múltiples. A dificultade de acceso a servizos (banca, tendas, sanidade, ensino, transporte) no rural galego está no 22% cando a media do rural español é do 14%. Concentrar nas cabeceiras de comarca e nunha soa instalación a combinación de servizos de educación, cultura, sanidade. Radio de 30-50 km con solución de transporte e internet.

Log in with your credentials

Forgot your details?