Consolidación do crecemento da economía galega

presentacion-II-2018

Ourense 19.06.2018

O Foro Económico de Galicia presenta o segundo Informe de Conxuntura Socioeconómica deste ano, coordinado por Fernando González Laxe. Da análise das contas económicas e os indicadores de conxuntura do primeiro trimestre do ano destácase:

  • A economía galega encadea 10 trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais igual ou superiores ao 3%, acadando no primeiro trimestre de 2018 unha medra do 3,1%, porcentaxe similar ao dos últimos trimestres de 2017. Este incremento é unha décima superior á media española estimada polo INE e supera ao rexistrado na zona euro (2,5%) e na Unión europea (2,4%).
  • O crecemento agregado do PIB en Galicia segue caracterizándose polo seu equilibrio das achegas positivas da demanda interna e da externa.
    • A significativa contribución da demanda interna, que se sitúa en 2,6 puntos, o valor máis elevado dende o cuarto trimestre de 2007, pode considerarse como un dos aspectos máis salientables. Esta contribución explícase tanto polo impulso do investimento (4,6% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior) como pola mellora do consumo dos fogares, que acada unha medra interanual do 2,8%, a taxa máis elevada dende 2006.
    • A demanda externa contribúe 5 décimas ao crecemento do PIB, un punto porcentual menos que no mesmo período do ano anterior. Tanto as exportacións como as importacións presentan un crecemento igual ou superior ao 7%.
  • Dende o punto de vista da oferta, o aspecto máis destacado é que todos os sectores contribúen de xeito positivo, salientando o bo comportamento do sector industrial (6,3%), e máis en concreto da industria manufactureira.
  • Os grandes agregados do mercado de traballo galego manteñen unha tendencia razoablemente positiva, atendendo á evolución da ocupación e á caída do desemprego (especialmente no paro de longa duración). Dunha banda, as afiliacións medran un 2,7% respecto ao primeiro trimestre do ano anterior, fronte ao 1,6% no caso da poboación ocupada segundo a EPA e os postos de traballo equivalente. Doutra banda, o paro estimado descende un 14,1% e o rexistrado no servizo público de emprego, cun 11,2%.
  • No primeiro trimestre do ano, os tres indicadores de emprego presentan taxas de crecemento inferiores á media estatal, mentres que o paro estimado pola EPA non só descende en maior medida que a media española, senón que se sitúa como a quinta con maior redución. A taxa de actividade galega descende ata o 53% e a taxa de ocupación ata o 45%, manténdose Galicia entre as CC.AA. cun valor máis reducida. Por contra, a taxa de paro redúcese ata o 15,1%, a porcentaxe máis baixa nun primeiro trimestre dende o ano 2009.
  • No actual contexto económico positivo persisten os elementos preocupantes sinalados en informes anteriores: a continua caída da poboación activa (especialmente grave no caso da poboación de 25 a 34 anos – máis dun 22% dende o primeiro trimestre de 2014), a menor capacidade de creación de emprego en comparación coa media española, e o incremento da taxa de temporalidade.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.

Log in with your credentials

Forgot your details?