O Foro Económico de Galicia publica o seu Anuario 2017

2017-slider

O Anuario 2017 do Foro Económico de Galicia presentouse este 15 de maio nun acto presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado por Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia; Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia; José Luis Gómez, coeditor do Anuario do Foro Económico de Galicia, e Pedro Veiga Fernández, director xeral adxunto de Planificación Estratéxica e PMO de ABANCA.
Dende o ano 2016, o Foro Económico de Galicia edita ou seu Anuario, un espazo de reflexión no que participan membros natos do Foro e diversos convidados do mundo empresarial e académico. O Anuario combina diagnoses conxunturais coa abordaxe de eivas e oportunidades de natureza estrutural da economía e sociedade galegas.
A estrutura do contido do Anuario do Foro Económico de Galicia inclúe este ano catro bloques de artigos. O primeiro é o titulado “O Sistema Produtivo Galego. Situación e expectativas nun mercado globalizado”; o segundo refírese a Galicia e a contorna xeral; o terceiro analiza a financiación pública e privada, e o cuarto recolle a opinión dos axentes económicos, sociais e políticos galegos baixo o título “Consenso sobre a capacidade de Galicia para seguir crecendo”.
A obra conta con achegas de Juan Carlos Escotet Rodríguez, Emilio Pérez Nieto, Santiago Lago, Xoan López Facal, Edelmiro López Iglesias, Fernando González Laxe, José Francisco Armesto, Patricio Sánchez, Albino Prada, Carsten Moser, Xoaquín Fernández Leiceaga, María Cadaval, Elena Muñoz, Luis Otero González e Luis Ignacio Rodríguez Gil. Os seus coeditores son José Luis Gómez e Jorge González Gurriarán, que tamén escriben na obra.
O Anuario 2017 detense nas magnitudes macroeconómicas que implican, en xeral, boas expectativas para a economía de Galicia, tal como coinciden a maioría dos axentes consultados pero, por outra banda, constata a evolución negativa da converxencia / diverxencia entre Galicia / España / Unión Europea como unha das asignaturas pendentes, así como os problemas de eficiencia e temporalidade e a súa repercusión na desigualdade e no reparto da riqueza. As alertas dos tres grandes sindicatos e as dúbidas sobre a posible ralentización do crecemento contrastan coa confianza nun futuro positivo manifestada polo Presidente da Xunta de Galicia.
O Foro Económico de Galicia consolida así a andadura iniciada o pasado ano co Anuario 2016, presentado na Coruña. Desde entón o Foro continuou ampliando a difusión dos seus diversos documentos, tanto periódicos como específicos, no seu labor de analizar con visión estratéxica aqueles aspectos que afectan á evolución, situación e expectativas do desenvolvemento económico e social de Galicia, completando eses análisis coa participación activa ante os axentes económicos, sociais e políticos galegos para aportar conclusións e propostas proactivas e anticipativas que sexan útiles á sociedade.
Os artigos do Anuario do Foro Económico de Galicia están amplamente documentados e reflicten unha visión profunda e rigorosa dos estudos, análisis e propostas recollidos nos mesmos. Os seus editores fixeron extensivo o seu recoñecemento aos lectores pola súa acolleita e aos medios de comunicación pola súa atención e traslado á sociedade do contido desta publicación, que alcanza a súa segunda edición.

Log in with your credentials

Forgot your details?