O turismo rural en Galicia debe apostar por ofrecer unha experiencia turística integral

Presentaciio-Turismo-Rural

O Foro Económico de Galicia vén de presentar un novo documento titulado “Turismo rural: Diagnose e propostas” do que son coordinadores os profesores da Universidade de Vigo, Miguel Rodríguez e Elisa Alén. O punto de partida do traballo é dar resposta á pregunta de se o turismo rural en Galicia está a favorecer o crecemento socioeconómico do rural galego. Con esta finalidade, faise inicialmente unha diagnose da situación actual para a logo facer distintas propostas de actuación.

A situación actual do turismo rural en Galicia caracterízase por unha baixa ocupación media, pouca rendibilidade económica (baseada fundamentalmente na complementariedade de rendas e no traballo familiar) e falta de produción de produtos turísticos rurais integrados que combatan adecuadamente a estacionalidade, fixen poboación e dinamicen as economías rurais.

É preciso poñer en marcha propostas de actuación centradas fundamentalmente en ofertar un produto integral e diferenciado. Neste senso, precisamos darlle un pulo ao receptivo como elemento desestacionalizador desenvolvendo experiencias turísticas centradas na valorización dos nosos recursos diferenciadores.

En definitiva, é necesaria unha reordenación do turismo rural que inclúa unha especialización territorial e outra temática, pero sempre en consonancia coa propia base produtiva de cada comarca. A existencia dos xeodestinos, baseados nunha especialización de tipo comarcal, é unha oportunidade para esa segmentación territorial. Esta especialización precisa dunha oferta complementaria ao propio aloxamento, mediante a creación de ofertas de turismo activo, tanto polos titulares dos establecemento turísticos como por outras empresas locais, xerando oportunidades de novos empregos e actividades económicas. Para tal fin, deberíase poñer en valor aqueles negocios que traballan de maneira máis profesionalizada.

.

Log in with your credentials

Forgot your details?