Galicia mantén un crecemento do 3,1% pero perde competitividade

Armesto-Laxe-Lago

16.03.2017.

O relativo dinamismo que acompaña desde 2016 o crecemento da economía galega non dá para recuperar unha competitividade lastrada por factores de eficiencia ao tempo que o mercado laboral segue amosando preocupantes datos de temporalidade e incremento do paro de longa duración. Así se desprende do primeiro Informe de Conxuntura para 2017 presentado polo Foro Económico de Galicia.

O 3,1% do crecemento medio co que pechou 2016 permitiu reducir en certa medida o diferencial coa evolución do PIB do Estado. No segundo semestre do pasado ano o diferencial foi mesmo positivo para Galicia, con taxas de crecemento interanual superiores ás do territorio español, se ben o ritmo se moderou no cuarto trimestre.

Sen embargo o exame da demanda interna ou externa e do mercado laboral seguen lastrando a economía galega nestes comezos do 2017.

No primeiro caso, porque a capacidade de gasto diminúe con respecto ao ano 2015 (perde 0,3 décimas) igual que sucedeu no resto do territorio español (onde a perda aumenta a 0,5 décimas).

O dato máis preocupante é o aumento do número de fogares galegos que non contan con ningunha prestación: 37.000 (4.100 máis que en 2015).

Polo que respecta ao sector exterior, Galicia incrementa en 0,6 décimas a súa contribución ao conxunto do PIB con respecto ao 2015. Os problemas neste caso veñen de elevada concentración xeográfica e sectorial dos destinos de exportación, así como dun descenso da inversión no sector exterior.

Menos paro e menos poboación activa

Os indicadores de emprego mostran taxas de crecemento positivas deixando a taxa de desemprego no 17,2%, a máis baixa desde 2010.

O mellor comportamento do mercado laboral tampouco logra deter a caída da poboación activa (16-64 anos). Os datos da EPA estiman que a poboación activa en 2016 descendeu un 0,4% en Galicia respecto ao ano anterior acadando as 1.256.100 persoas (4.600 activos menos). No período 2014-2016 a poboación activa galega descendeu en case 35.000 persoas.

Polo que respecta á traxa de temporalidade, esta aumentou ata o 26,2% en 2016, 0,8 décimas máis ca o ano anterior. En resumo, a recuperación económica non chega a frear as debilidades do mercado laboral en Galicia.

Xunto ao exame dos principais factores que inciden na economía galega, o Informe do Foro Económico de Galicia aporta tamén un estudo sobre Saldos fiscais e saldos externos en España, de Albino Prada, que parte da cuestión de se o gasto de fogares e administracións públicas depende só do nivel de riqueza de cada autonomía ou tamén das rendas transferidas desde comunidades máis ricas.

Este primeiro informe de 2017 inclúe ademais un estudo específico sobre A nova economía do mar e o futuro da industria marítima-portuaria, de Fernando González Laxe, cun apartado especial sobre a comparación entre os tráficos portuarios galegos e os de Leixoes (Portugal). O traballo afonda nos cambios que debe afrontar a industria do mar, a nova fronteira económica, nun contexto de máxima explotación de recursos e expectativas de crecemento, emprego e innovación.

Ver documento

Log in with your credentials

Forgot your details?