
Santiago Lago Peñas, director do Foro Económico de Galicia, xunto ao rostro do Nadador de Leiro en Vigo.
20.01.2017
O Foro Económico de Galicia subliña que o novo modelo de financiamento autonómico, que comezou a negociarse este 17 de xaneiro, debe mellorar a descentralización e a equidade no reparto de recursos entre todos os españois. “Galicia debe liderar o retorno á nivelación de todos os servizos descentralizados. Porque lle interesa e porque é o que encaixa cunha concepción ampla de equidade entre todos os españois. E porque é o que posibilita que a autonomía política e o autogoberno sexan compatibles coa capacidade de prestar servizos públicos semellantes en toda España, a igualdade de esforzo fiscal realizado polos cidadáns”, explica o director do Foro Económico de Galicia.
O catedrático de economía Santiago Lago Peñas é autor de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento autonómico, presentado hoxe en Santiago de Compostela, xunto co presidente da Asociación Foro Económico de Galicia, o empresario Emilio Pérez Nieto.
O traballo plantexa, entre outras cousas, sextuplicar o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), descentralizar impostos e, ao mesmo tempo, armonizar ás suas bases impositivas para evitar dumping fiscal entre autonomías.
A continuación se resumen catro das principais propostas para o novo modelo de financiamento autonómico:
- Séptima en recursos por habitante. O actual sistema trata ben a Galicia, séptima autonomía en recursos por habitante e a primeira entre as máis poboadas (113,3 sobre unha media de 100). O Foro Económico de Galicia propón que o novo modelo non se axuste só á poboación, nin prime tanto o número de emigrantes, e pola contra que se acentúe a atención ao envellecemento (máis costoso e menos dinámico) e ao espallamento poboacional.
- Multiplicar por 6 o FCI. O Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) pasou en Galicia de 200 millóns de euros ao ano a só 46,9 millóns en 2017. O director do Foro Económico de Galicia propón sextuplicalo, ata 300 millóns de euros anuais en Galicia, e estabilizalo, para que non haxa que recalculalo cada ano.
- Descentralizar impostos. Para o IVE e os Impostos Especiais, propón establecer un tramo autonómico armonizado en vez de participar na recadación vía transferencias. Para o IRPF propón que o tramo autonómico sexa trasladado de inmediato ás retencións (agora tarda 2 anos), como sucede co tramo estatal. Propón un chan común en toda España para Patrimonio e Sucesións e unha reforma fiscal verde. A proposta non pide a supresión dos foros (País Vasco e Navarra) nin da Insularidade (Canarias), mais sí que se apliquen con equidade (mesmos recursos obtidos co mesmo esforzo fiscal aplicado).
- Débeda e FLA. O Foro Económico de Galicia considera desacertado aportar máis recursos ás autonomías máis endebedadas ou a aquelas que precisaron do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA). Propón que non se aporte para cancelar débeda, senón en función do acordo xeral.