Os expertos piden planificar o territorio para potenciar a economía agraria

IMG_8272
Imaxe do debate sobre a nova economía rural galega celebrado en xuño polo Foro Económico de Galicia.

22.11.2016

Desenvolver actividades que permitan unha diversificación da base económica dos espazos rurais, partindo do potencial de recursos existentes pero apostando pola diversificación e a innovación baixo unha estratexia de marca país. Esa é a proposta xeral do estudio Novas demandas para o rural galego presentado hoxe polo Foro Económico de Galicia no Centro Social Abanca de Santiago polos seus autores, que estiveron acompañados do empresario José Manuel González de Casal de Armán e Santiago Lago Peñas, director do Foro Económico de Galicia.

O documento elaborado polos economistas e profesores J.M. Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, e M.X. Vázquez Rodríguez membro do grupo de investigación ERENEA (Economía dos recursos naturais e ambientais) da Universidade de Vigo, analiza a situación actual do medio rural desde unha perspectiva global.

O estudio céntrase nas temáticas da paisaxe, a biodiversidade, as actividades agroforestais, os servizos, as novas actividades e a loita contra o cambio climático para examinar unha estrutura económica en plena transformación.

Os autores do informe afirman que “para manter un rural vivo que cumpra coa súa función tradicional e que ademais dea resposta aos novos usos e novas demandas sociais, é necesario manter a súa multifuncionalidade, mediante unha planificación pública axeitada e programas e medidas específicas”, xa que todo o relacionado calidade ambiental e a conservación do medio son funcións non remuneradas, non comercializadas, que sen embargo son fundamentais para a xeración de valor no rural. Unha tarefa que esixe o respaldo de estratexias eficaces de marca país como elemento de diferenciación.

J.M. Andrade e M. X. Vázquez propoñen entre outras medidas a creación dun “portelo único para o emprendemento agroalimentario”, capaz de asesorar e xestionar os principais trámites burocráticos dos emprendedores.

Os expertos do Foro examinan as limitacións e as oportunidades das distintas áreas de actividade no rural galego para elaborar unha serie de propostas de actuación. Segundo os autores do estudo, a economía agraria precisa dunha decidida intervención da administración pública que permita a adaptación aos novos usos e unha diversificación empresarial axeitada ás demandas actuais do mercado en todos os campos: desde os usos turísticos ao aproveitamento enerxético.

Algunhas das principais medidas propostas son:

  • Conservación da paisaxe e o patrimonio natural e cultural implícitos, mellorando a planificación de base para a ordenación territorial. É significativo que o alto valor natural de Galicia medido en espazos protexidos (LIC, ZEPA ou reservas de biosfera), contraste cun porcentaxe baixo de protección en comparación coa media de España.

  • Conservación da biodiversidade, equilibrando os tipos intensivos e especializados de produción agrogandeira co apoio ao desenvolvemento de produtos diferenciados e de calidade, seguindo o exemplo das denominacións de orixe vinícolas.

  • Fomento do emprendemento para impulsar unha maior capacidade de transformación industrial e de xeración de valor engadido nas actividades do rural. Paralelamente, fortalecer a industria agroalimentaria para ocupar nichos de mercado como a produción ecolóxica en produtos hortícolas, pequenos froitos, plantas ornamentais, medicinais ou aromáticas, así como na produción animal e forestal.

  • Desenvolvemento turístico, a partir da confluencia entre as actividades dos servizos privados (hostalería, restauración, transporte) e a xestión e o investimento públicos que poidan favorecer a súa competitividade na busca dun produto turístico desestacionalizado e de calidade. De especial interese son as iniciativas relacionadas co Camiño de Santiago.

  • Mellora dos servizos para os habitantes do rural (desde o transporte ás telecomunicacións), prestando atención ao asentamento de poboación non agrícola que ten un papel crucial na diversificación das actividades económicas.

  • Mellorar a absorción de CO2: a masa forestal de Galicia suma 93,8 Tn de CO2 capturadas da atmósfera, moi por riba da media estatal. Ao mesmo tempo os incendios forestais supoñen unha grave e recorrente ameaza. A prevención do lume, a aposta pola función ambiental e social do monte galego e o impulso de actividades de economía circular ou bioeconomía son as tarefas máis urxentes.

O estudio presentado nace da reunión celebrada o pasado mes de xuño polo Foro Económico de Galicia no complexo enoturístico das Adegas Casal de Armán, en Ribadavia. Daquela presentáranse nove traballos con propostas para evitar o declive demográfico i económico do rural galego, que representa o 75% do territorio pero só aporta o 25% da poboación e menos do 20% do PIB da comunidade.

Ver Documento

Log in with your credentials

Forgot your details?