Galicia triplica o crecemento exportador de España

Barómetro exportador de Galicia 1/2017

MR_ADOMINGUEZ

30.03.2017

Galicia triplicou no ano 2016 o crecemento exportador de España, cunha taxa de aumento do 5,9%, fronte ao 1,9% de incremento medio en España. O dato destaca no primeiro Barómetro Exportador de Galicia (Baexga), elaborado polo doutor en Economía e editor do Foro Económico de Galicia, Albino Prada. O Baexga preséntase hoxe no Consorcio da Zona Franca de Vigo, organismo especializado na internacionalización das empresas galegas.

O Baexga tamén constata que Galicia incrementou nun 6% o número total de empresas exportadoras, mentres que o incremento en España é do 1%. O novo documento de análise permitirá coñecer a evolución e os principais indicadores do comercio internacional das empresas galegas a longo prazo, xa que analiza datos dos últimos dez anos.

A parte máis positiva das vendas internacionais galegas aparece, en 2016, no sector do textil e confección, cun aumento de case o 20%, absorbendo un tercio de todas as exportacións españolas de moda, e cun 8,2% máis de empresas que exportan.

O sector do automóvil aparece no 2016 cun preocupante retroceso no número de empresas exportadoras en Galicia (-2,7%) e aínda peor no conxunto de España (-5,6%). O crecemento das exportacións do sector dende Galicia é dun 1,2%, case cinco veces menos que a media española (+5,6%).

O Baexga é un novo instrumento presentado polo Foro Económico de Galicia para avaliar a marcha das exportacións galegas tanto en volume como en número de empresas, en comparación coa media española. Estas dúas dimensións son examinadas en función de catro variables sobre a evolución total no período (2016), o destino das exportacións aos países da UE ou ás economías emerxentes (EE) e a evolución total na última década.

O exame dos oito indicadores analizados (catro relativos ao volume e catro ao número de empresas) indica que Galicia superou en 2016 o comportamento da media española en cinco deles, en contraste co 2015 onde só a superaba en tres. Unha evolución moi positiva que reduce a fenda aberta con respecto á media española nas exportacións.

Por sectores, no período 2016 automoción e actividades de confección suman en Galicia a metade do exportado, pero presentan sen embargo un comportamento moi diferente.

Mentres no caso da confección a actividade exportadora salienta en sete dos oito factores de comparación posibles sobre a media española, no sector do automóbil só hai tres indicadores positivos.

As industrias da confección duplicaron en 2006 as taxas de crecemento de España e incrementan notablemente as exportacións cara a países da UE. Tanto en volume como en número de empresas Galicia supera a media española dos últimos dez anos.

En cambio as exportacións da sector do automóbil non recuperaron aínda en Galicia o volume anterior á crise, mentres que en España sitúanse xa un 50% por riba do exportado en 2006. Unha fenda agravada polo descenso tamén no número de empresas exportadoras na automoción.

Log in with your credentials

Forgot your details?