A economía galega crece un 2,3%, unha décima inferior á do conxunto do Estado



Presentacións


  • O PIB galego segue a medrar por riba da media europea, 1,5% e da zona euro, 1,2%
  • Crece o dinamismo do gasto das familias, cun incremento do 3,4%, o valor máis elevado dende 2006
  • A forte contracción das exportacións no primeiro trimestre do ano provoca un desplome da demanda externa
  • Aumentan os fogares onde todos os seus activos están empregados
  • Mellora a empregabilidade feminina


Santiago de Compostela 03.07.2019

Tras tres anos con taxas de crecemento iguais ou superiores á media española, a economía galega presenta un ritmo de crecemento do 2,3%, unha décima inferior á do conxunto da actividade económica de España. Con todo, o PIB galego segue a medrar por riba da media europea (1,5%) e da zona euro (1,2%).

A ralentización da economía galega semella ir asociada a un cambio no patrón de crecemento atendendo ás achegas da demanda interna e externa. No concernente á demanda interna, cunha achega positiva ao crecemento agregado do PIB de 3,3 puntos, salienta o mantemento do impulso do investimento (6,9%), así como o elevado dinamismo do gasto das familias, cun incremento do 3,4%, o valor mais elevado dende 2006.

No concernente ao saldo exterior neto, por cuarto trimestre consecutivo a demanda externa detrae puntos ao crecemento do PIB. No primeiro trimestre do ano, tras a forte contracción das exportacións, así como das importacións, a achega negativa situouse nun punto porcentual.

Porén o desplome da demanda externa que reflicte a contabilidade do IGE no primeiro trimestre semella excesivo e convida a ser cauteloso e agardar á confirmación dese patrón de crecemento.

Crecemento por sectores

Dende o punto de vista sectorial, o crecemento galego susténtase en boa medida no subsector de comercio, transporte e hostalaría, que medra un 6,8% respecto ao ano anterior, máis de tres puntos por riba da media estatal. Asemade, rexístrase unha contracción do sector industrial no seu conxunto, e da industria manufactureira en particular o que contrasta co incremento rexistrado en España. No primeiro trimestre de 2019, a industria manufactureira contraese un 1,7%, a diferencia do que acontece en España onde a taxa de crecemento interanual sitúase no 1,2%.
Os datos recollidos no informe invitan a reflexionar sobre posíbeis cambios tanto na política industrial da Xunta de Galicia e os instrumentos aí definidos, como na estratexia de internacionalización aprobada e as políticas de I+D+i. Neste último caso, a posición relativa de Galicia no índice rexional de innovación presentado pola Comisión Europea retrocede en relación ao conxunto do Estado, manténdose estable en relación a UE.

Mercado laboral

O mercado de traballo galego mantén a súa tendencia positiva en termos de creación de emprego e redución do paro, se ben persisten as súas debilidades. Este bo comportamento dos grandes agregados trasládase aos fogares, rexistrándose unha evolución descendente tanto do número de fogares sen preceptores como de fogares galegos con todos os seus activos en situación de desemprego, así como o incremento daqueles onde todos os seus activos son ocupados. No que á ocupación se refire cómpre resaltar que o emprego feminino presenta un mellor comportamento que o dos homes. Este incremento da ocupación prodúcese fundamentalmente no sector servizos, influenciado polo incremento nas actividades relacionadas coa hostalaría, servizos sociais e actividades

Impacto do SMI

A aprobación por parte do Goberno de España da suba do salario mínimo inter-profesional (SMI) ata os 900 euros a partir do mes de xaneiro pasado supuxo unha medida de calado dende o punto de vista político, social e, por suposto, económico. Por esta razón o Foro Económico de Galicia integra neste informe dúas visións contrapostas sobre este tema a un debate aínda aberto. En primeiro lugar, José António Neira, secretario xeral en funcións da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) sinala os efectos negativos dunha suba unilateral sobre a competitividade e a creación de emprego.

Pola súa banda, Manuel Lago, profesor da UDC e ex-economista de Comisións Obreiras (CC.OO) fai fincapé́ na eficiencia da medida en termos de mellora do benestar sen producir destrución de emprego como se comproba nas fontes estatísticas empregadas na análise do mercado de traballo: Contabilidade Nacional e EPA.