Que monte queremos para o século XXI?


O monte galego

IV XORNADA DE CASAL DE ARMÁN

Que monte queremos para o século XXI?

  • Os expertos coinciden no enorme potencial do sector forestal como fonte de riqueza e sustentabilidade
  • Fai falta unha política forestal de coordinación entre a administración e a explotación privada que permita unha reforma do modelo de explotación diversificada
  • A Xunta publicará o Anuario Estatístico Forestal

Ribadavia, 30.05.2019

A pregunta é tan simple como complexa é a súa resposta. Sobre ela debateron durante toda a xornada de hoxe máis de 25 expertos, empresarios e representantes do sector nunha xuntanza de traballo coordinada polos membros do Foro Económico de Galicia, Albino Prada e Edelmiro López.

O sector agrario galego pasou das case 800.000 persoas en 1950 a menos de 50.000 en 2015, (Informe da Comisión de Estudo e Análise da Política Forestal).

Estas cifras complétanse con máis de medio millón de propietarios de parcelas rústicas e co lastre que supón o descoñecemento do número real de propietarios de montes, calculado, de xeito aproximado, en medio millón. Ao mesmo tempo que a poboación afincada no rural cae, o uso arborizado do monte increméntase de maneira destacada á vez que a non arborada (leña, pastos) entra en declive e provoca unha acelerada acumulación de biomasa forestal.

Ineludible facer aquí referencia ao problema dos incendios. Dende 1960 a 2010 a superficie queimada alcanza a superficie forestal total de Galicia, 2 millóns de hectáreas. Coas consecuencias ambientais e custos económicos consecuentes.

A diagnose do sector completouse nesta reunión de expertos con outras variables que xa forman parte do ADN do monte galego: unha fragmentación extrema da propiedade e o consecuente abandono de parcelas. A cifra máis elocuente neste sentido é que só un 10% do monte galego está ordenado e esa porcentaxe é aínda máis baixa se aplicamos o criterio dunha xestión forestal sustentable.

A explotación forestal non foi o único sector abordado na reunión de hoxe. As enerxías verdes e renovables ou as posibilidades que ofrece o monte para o desenvolvemento turístico, patrimonio natural e biodiversidade tamén xurdiron no debate. E, por suposto, a explotación agraria. Neste sentido non deixa de ser rechamante que cunhas condicións agrarias favorables Galicia sexa dependente do mercado internacional para abastecer a demanda de produtos de alimentación animal.

Para concluír José Luis Chan, Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia foi o responsable de clausurar a xornada. Chan anunciou tamén que o próximo mes de xuño se publicará o Anuario Estatístico Forestal, unha ferramenta que permitirá unha mellora na identificación e clasificación das parcelas.

Ao mesmo tempo que se realizou unha diagnose profundo do sector, adiantáronse algunhas propostas: ordenación do monte, aposta por unha transformación de produtos con maior valor engadido, elaboración de estratexias produtivas e minimización de custos ou desenvolvemento e mellora das estratexias de comercialización.

Todas estas propostas serán recollidas próximamente nun documento de iniciativas que presentará o equipo de expertos do Foro Económico de Galicia coordinado por Albino Prada e Edelmiro López Iglesias.