O Foro Económico propón pensar a Galicia do 2040



I Foro 2040


  • Expertos reflexionan e avanzan propostas sobre o reto demográfico

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020

Dende hai un tempo o Foro Económico de Galicia traballa nunha nova liña de reflexión baixo o nome de Galicia 2040. Trátase de pensar a Galicia do futuro, a necesidade dunha reflexión ao longo prazo, de fuxir do cortoplacismo e as urxencias do presente.

Resulta imprescindible planificar para adiantarse aos retos do futuro, máis aínda cando se está a reflexionar sobre cambios sustanciais no eido económico, social e asistencial. Cómpre traballar conxuntamente con gobernos, empresas e institucións para debullar o futuro da rexión.

Con esta premisa o Foro Económico de Galicia pon en marcha o primeiro dos asuntos fundamentais a discutir o próximo venres 6 de marzo en Santiago de Compostela: a demografía.

Coas cifras na man os académicos e outros expertos convidados polo Foro analizarán cómo será a Galicia do 2040, e como poder alterar as proxeccións para evitar os efectos máis negativos. Qué debemos facer hoxe para anticiparnos á deriva poboacional dos galegos de aquí a vinte anos.

O cambio demográfico reflicte novos escenarios que no eido económico demandan proxectos ambiciosos de transformación da xeración do valor, do modelo produtivo e de competitividade empresarial. Por outra banda, no ámbito da prestación de servizos públicos, requírense servizos e infraestructuras públicas máis eficaces, flexibles e adaptadas aos novos tempos.

A mellor política demográfica é aquela que contempla o incremento e a mellora dos stocks de capital físico, humano, tecnolóxico, organizativo, innovador e social. Todos estes factores son retos reais que se deben afrontar para adaptarse aos cambios na composición das familias, do mercado laboral, da educación, da vivenda e da funcionalidade territorial. Condicións necesarias para encarar un futuro aínda por escribir.

Galicia 2040 é un grupo de traballo dirixido polos profesores Xosé Carlos Arias, María Cadaval e Domingo Docampo, co soporte de José Francisco Armesto.