A demanda interna consolídase como novo motor do crecemento da economía galega



Presentacións


  • A industria manufactureira galega, o sector de maior crecemento cun 4,1%
  • Baixada da demanda externa cun saldo da balanza de pagos de 723 millóns
  • A taxa de paro baixa no terceiro trimestre a un 12%, o mellor dato en once anos
  • Galicia conta con 243.800 traballadores temporais, o que representa o 27,4% dos asalariados


Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

O PIB medrou no terceiro trimestre en Galicia un 1,7% en taxa interanual fronte ao 2% da economía española. O crecemento en Galicia e en España segue sendo significativamente superior ao experimentado polo conxunto dos países da Unión Europea e da zona euro (1,4% e 1,2%, respectivamente), polo que se avanza no proceso de converxencia. A ralentización tamén apreciase na comparativa intertrimestral, mantendo Galicia unha suba do 0,3% e do 0,4% no resto de España.

Os datos do cadro macroeconómico confirman o cambio no patrón de crecemento agregado do PIB, caracterizado polo dinamismo da demanda interna, motor do crecemento, mentres que a demanda externa detrae, por sexto trimestre consecutivo. A achega da demanda interna foi de 2,9 puntos no último trimestre, un punto por riba da española. Compre salientar o forte dinamismo do gasto final en consumo, impulsado tanto polo consumo das familias (3,3%) como polo gasto público (3,5%).

Detracción das exportacións

A demanda externa detrae décimas ao crecemento do PIB por sexto trimestre consecutivo, sendo esta detracción cada vez máis elevada. Neste terceiro trimestre a súa achega negativa ascende aos 1,2 puntos, unha décima máis que no trimestre anterior, o que contrasta coa achega positiva de dúas décimas no conxunto de España. O importe total das exportacións ascende a 5.549,4 millóns de euros, o que representa o 32,1% do PIB galego, porcentaxe inferior ao obxectivo do 40% fixado para o ano 2020. Tras a medra do 3,8% do valor das importacións, o saldo positivo da balanza de pagos redúcese ata os 723 millóns

Dende o punto de vista da oferta, o aspecto máis destacado é o dinamismo da industria manufactureira, que tras dous trimestres consecutivos de contracción na xeración do VEB (valor engadido bruto), sitúase como o sector de maior crecemento (4,1%). Esta porcentaxe é significativamente superior á estimada no conxunto do Estado, onde este subsector medra un 1,2% respecto ao ano anterior.
Cómpre suliñar a acusada ralentización no sector da construcción, cunha medra interanual de 1,7%, dous puntos e medio menos que no trimestre anterior.

Impacto no emprego

Os tres indicadores da ocupación reflicten a creación de emprego e se reduce tanto o paro rexistrado como o estimado pola EPA. Atendendo tamén ao comportamento da poboación active, a taxa de paro mantén a súa tendencia descendente, situándose por vez primeira en once anos por baixo do 12% nun terceiro trimestre.

Nos fogares modérase o descenso do número onde todos os seus activos están desempregados e increméntase o número de fogares onde todos os membros están ocupados. Persisten, nembargantes, elementos de preocupación como a continua caída da poboación activa, ou o elevado peso relativo da xornada a tempo parcial por motivo de non poder atopar un traballo a xornada completa (52,8%).

Dende o punto de vista sectorial cumpre resaltar o sorprendente comportamento da ocupación na industria manufactureira e o comercio. O emprego nesta industria medra en 17.800 persoas, o incremento máis acusado nese trimestre na última década. Por outra banda o comercio presenta unha forte caída da ocupación o que contrasta co mantemento do emprego segundo os datos da Seguridade Social.

Por último en canto a calidade do traballo creado, crece o emprego asalariado tanto nos contratos fixos como temporais, aumentando estes últimos por riba dos asalariados indefinidos (8.400 e 900 asalariados máis respectivamente). En canto ao tipo de xornada laboral, no terceiro trimestre baixa a xornada completa (0,2%) e medra a de tempo parcial, un 7,7% en termos interanuais.

A industria conserveira galega merece un comentario específico. O sector galego concentra o 85% do total estatal da industria conserveira e configúrase como un referente mundial tanto en volume de producción, 210 mil toneladas, e a estimación de superar os mil millóns de euros no 2019. Cabe salientar a aposta do sector pola innovación como estratexia de diferenciación fronte ao aumento de competencia.