A expansión da economía galega modérase ao crecer o PIB un 2,8% en 2018



Presentacións



· O crecemento económico foi catro décimas menor que en 2017
· Galicia crece a un ritmo superior na comparativa coa economía de España (2,5%) e coa UE (1,9%)

Santiago 28.03.2019

Tras crecer un 2,6% no cuarto trimestre do ano, o PIB galego pechou o ano cun crecemento medio interanual do 2,8%, catro décimas menos que o ano precedente. A pesar desta ralentización no ritmo de crecemento, Galicia logra superar por terceiro ano consecutivo o avance da economía española, que presenta unha medra do 2,5%.

Co inicio da recuperación económica, Galicia retoma a senda de converxencia coa UE-28 perdida no período de crise, unha converxencia que se mantén neste momento de ralentización económica. Este mellor comportamento da economía galega mantense tamén na comparativa coa zona comunitaria, que presenta un crecemento dun 1,9%, ou da zona euro, do 1,8%.

Galicia presenta no cuarto trimestre do ano unha contracción tanto das exportacións (-1,8%) como das importacións (-1,4%), feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2015. No conxunto do ano, as vendas das empresas galegas ao exterior medraron un 3,4% en relación ao ano anterior. A diferenza do acontecido no ano anterior, tanto as exportacións como as importacións medran en Galicia por riba do rexistrado no conxunto do Estado (2,2% e 3,6%, respectivamente).

Con este contexto, sorprende o positivo comportamento do mercado de traballo galego, que presenta un significativo incremento da ocupación e unha redución do desemprego. A taxa de paro descende ata o 13,3%, a porcentaxe máis baixa dende o ano 2010 (15,3%). Por sexto ano consecutivo o mercado de traballo galego presenta unha caída da poboación activa. A diferenza do acontecido no conxunto do Estado, onde a poboación activa racha a súa tendencia descendente iniciada en 2013, a poboación activa galega redúcese no último ano en case cinco mil persoas para situarse en 1.243.500 persoas, unha caída do 0,4%. Mantense a perda de poboación en Galicia, sendo especial intensa no caso da poboación activa con idades comprendidas entre 25 e 34 anos, con descensos continuados dende o ano 2008.

De novo, o Foro Económico de Galicia é a institución que máis se achega na súa previsión de crecemento. En concreto, no informe Previsións de Crecemento para a Economía Galega estimaba un crecemento do PIB do 2,9% para 2018 só unha décima por riba do finalmente acadado. O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesores das tres universidades galegas, empresarios e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica. Un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.