Innovación e Tecnoloxías Intelixentes



Innovación y Tecnologías Inteligentes

AUTORES: SENÉN BARRO e LASSE ROUHIAINEN

  • A Intelixencia Artificial podería facer medrar a economía mundial nun 16% en só dez anos
  • Estímase que en 2022 o 42% do traballo será realizado por máquinas
  • A automatización obrigará a ofrecer amparo social aos desprazados pola robotización


Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020

A irrupción da intelixencia Artificial (IA) no noso día a día é unha evidencia: buscadores de información na internet, xestores de correo, asistentes virtuais, recoñecedores faciais, conversores de voz ou deseño de medicamentos... a lista de aplicacións concretas dos algoritmos máis avanzados preséntase hoxe como infinita.

O estudo que presentaron esta mañá os membros do Foro Económico de Galicia, Senen Barro, director científico do CITIUS, e Santiago Lago, director do Foro, expón unha das cuestións que máis polémica suscita na actualidade: en qué medida as máquinas intelixentes poderán substituír ao traballo humano, co consecuente impacto económico e social.

O estudo do FMI, Fondo Monetario Internacional, "Informe sobre o futuro do emprego en 2018" indica que dentro de tan só dous anos, en 2022, o traballo realizado polas máquinas podería rozar o 42%. Isto podería traducirse no transvasamento duns 75 millóns de postos de traballo realizado por humanos ás máquinas. Pero, ao mesmo tempo, a xeración de novos postos podería ser moito maior aínda que os novos empregos non se asocian aos perfís dos traballadores dos empregos eliminados. A maioría dos novos empregos estará vencellado á denominada economía dixital e iso requirirá da formación de especialistas en automatización intelixente, expertos en relacións persoa-máquina ou enxeñeiros en robótica, entre outros.

Un aspecto salientable deste estudo incide na necesidade de desenvolver políticas públicas para amparar social e economicamente aos millóns de persoas que poidan quedar excluídos ou desprazados polo avance da automatización e da IA.

Outro elemento para destacar é o concepto de ‘Innomatización’, que fai referencia á capacidade das organizacións empresariais para a innovación ao redor da automatización.