O Foro Económico de Galicia estima nun 2,3% a previsión de crecemento do PIB galego para 2019



Presentacións


· Estímase un lixeiro descenso, equiparable ao da media de España
· A media ponderada das previsións das institucións sobre o crecemento da economía galega é do 2,6%.

Ourense 11.06.2019

O Foro Económico de Galicia vén de publicar o seu Informe sobre as previsións de crecemento para a economía galega para o presente ano. O obxectivo deste informe é triple. Primeiro, ordena e presenta todas a previsións dispoñibles para o PIB de Galicia en 2019. Segundo avalía e informa da capacidade preditiva das diferentes institucións públicas e privadas para o período 2015 a 2018. En derradeiro termo e a partires do anterior, o informe ofrece unha previsión baseada na combinación das diferentes cifras dispoñibles para 2019 utilizando para isto diferente información (cuantitativa e cualitativa) ao seu alcance.

As institucións que máis se teñen aproximado nos dous últimos anos nas súas previsións ex-ante son o Instituto Galego de Estatística (IGE) e Fun­cas, amosando esta última institución un lixeiro nesgo á alza. Pola contra o BBVA Research, Hispalink e AIReF amosaron no ano 2018 un nesgo á baixa.

A previsión do Foro Económico de Galicia para 2019 parte da com­binación das cifras que ofrecen IGE, Funcas, BBVA Research e Hispalink tendo en conta a súa capacidade predictiva demostrada nos últimos tres anos, dan­do máis ponderación a quen atinou máis no pasado. Como resultado, obtense unha media ponderada de crecemento do PIB de Galicia para 2019 que é de 2,6%. A partires desta cifra, a equipa de conxuntura do Foro produce a PREVISIÓN CONSENSO FORO ECONÓMICO DE GALICIA. Unha previsión de consenso que ten en conta o resultado dunha enquisa aos membros natos do Foro e a información que proporciona o Indicador Abanca-Foro ata abril deste ano. Para 2019 a previsión de consenso que manexa o Foro é do 2,3%.